COPA DE ESPAÑA 2023

Este sábado 26 de agosto no CAR de León tivo lugar a Copa de España de Halterofilia.
Este campionato celébrase en 6 categorías: sub-15, sub-17 e absoluta masculino e feminino.
Foi a primeira vez que se organizaron todas estas categorías nunha soa xornada, xa que ata agora os absolutos competiron en concurso separado.
Están convidados para participar os dez primeiros do ranking nacional anual da Real Federación Española de Halterofilia, un total de 60 deportistas.
Desde o noso Club Halterofilia Coruña aceptaron a invitación 7 levantadores:

Irene Martínez, Víctor Castro e Martín Liste na categoría absoluta.

Darío Barros na de sub-17.

Daniel García, Daniel Rey e Digna Silo na categoría sub-15.

Digna Silo volveu á tarima despois de ter gañado as tres medallas de prata da súa categoría no pasado Campionato de Europa sub-15, mentres para Irene Martínez e Víctor Castro esta competición foi o último control antes da súa inminente participación no Campionato do Mundo Absoluto en Arabia Saudí.

Digna iniciou a xornada na categoría sub15 feminina.
Destacou na modalidade de arrancada realizando os seus tres intentos válidos e establecendo novo récord de España con 76 quilos.
En dous tempos fallou por moi pouco os seus dous últimos intentos con 92 o que lle daría o subcampionato pero ao final tivo que conformarse co cuarto posto cos 87 quilos rexistrados nesta modalidade e con 163 en total olímpico o que supón unha puntuación de 195,27 puntos Sinclair.

Na categoría sub 15 masculina Daniel García finalizou sétimo con 185 quilos no total olímpico e 240, 68 puntos, Daniel Rey oitavo con 195 quilos, 235,61 puntos Sinclair.

Na de sub 17 Darío Barros sétimo con 197 quilos, 288,01 puntos.

Na seguinte quenda chegou o podio da man de Irene Martínez.
Conseguiu a medalla de bronce da categoría absoluta con 192 quilos no total olímpico o que equivale a 259,87 puntos Sinclair. A gañadora foi a valenciana Alba Sánchez con 267,26 puntos e a segunda Sira Armengou de Cataluña con 260,08.

Na última competición Víctor Castro quedou a un paso do podio. Os seus 282 quilos no total e os 399,98 puntos Sinclair clasificárono no cuarto posto da categoría absoluta.

Martín Liste finalizou sexto con 321 quilos e 383,49 puntos.

O podio foi David Sánchez da Federación Andaluza con 442,32 ptos, o asturiano Alberto Fernández con 417,56 ptos e o melillense Ismael Jamali con 406,65 pts.

Publicacións similares