CAMPIONATO DO MUNDO SUB-17 DE HALTEROFILIA

Lima, a capital peruana, acolle estes días ás participantes do Campionato do Mundo sub-17. Para este evento foi seleccionada a deportista do Club Halterofilia Coruña, Digna Silo Mangue.

O Domingo día 4 de mayo, foi a quenda de Digna, quen competiu na categoría de peso corporal de 81 quilos.

A nosa deportista fixo unha actuación inesquecible. Realizou válidos os seis intentos (tres na modalidade de arrancada e tres na de dous tempos), algo que poucas veces conseguen as persoas practicantes deste deporte. Os seus rexistros foron 80 – 83 e 86 quilos en arrancada, e 101 – 104 e 106 en dous tempos.

Cos 192 quilos do total olímpico superou na cita mundial en 6 quilos a súa marca anterior, que á súa vez constitúe novos récords de Galicia en todas as modalidades.

Na modalidade de dous tempos, os xuíces tomaron protagonismo ao anularen sen razón o seu primeiro e terceiro intento. Tivo que intervir o xurado para validar todos os seus levantamentos.

Con estes rexistros, Digna ocupou o primeiro posto en todas as tres modalidades no grupo B, onde lle tocou competir.

Unha vez finalizado o grupo A, dúas horas despois, puidemos coñecer as súas clasificacións finais, que foron as seguintes:

  • 6ª clasificada en arrancada con 86 quilos
  • 6ª clasificada en dous tempos con 106 quilos
  • 6ª clasificada no total olímpico con 192 quilos

Digna Silo foi a deportista da selección española sub-17 desprazada a Perú que mellores clasificacións obtivo neste Campionato do Mundo.

A campioa do total olímpico foi a venezolana Lidysmar, seguida pola chinesa Li e Pertiwi (Indonesia).

Publicacións similares