COPA DE ESPAÑA

Este sábado 20/04/2024 no Centro de Tecnificación de Halterofilia de Tenerife tivo lugar a Copa de España de Halterofilia.
Este campionato celébrase en 6 categorías: sub-15, sub-17 e absoluta masculino e feminino.
Reciben invitacións para participar en cada categoría os dez primeiros do ranking nacional anual da Real Federación Española de Halterofilia, un total de 60 deportistas.
Desde o noso Club Halterofilia Coruña aceptaron a invitación 4 levantadores:

  • Irene Martínez, Irene Blanco e Martín Liste na categoría absoluta.
  • Digna Silo na categoría sub-17.

Para Digna Silo o campionato foi unha fase importante da súa preparación para o próximo Campionato de Europa sub17 que se celebra o próximo mes de xuño en Grecia.
Para as dúas Irenes e Martín un control de forma deportiva antes do Campionato de España Absoluto do próximo 07 de xuño en Ourense.
Digna abriu a actuación dos nosos na categoría sub17 feminina.

Conseguiu o seu obxectivo de alcanzar a marca mínima establecida pola dirección técnica da federación nacional para a participación no Cto. de Europa sub-17: 173 quilos no Total Olímpico o que logrou levantando 77 quilos na modalidade de arrancada e 96 na de dous tempos (este último é marca persoal para a nova promesa). Esta marca clasificouna no quinto posto da súa categoría.
O podio foi para a castelán-manchega Lorena Vázquez, seguida pola catalá María Cervera e a local Claudia Cabrera.

Na seguinte tanda competiron as dúas Irenes, Blanco e Martínez. A Irene Blanco despois da súa actuación na modalidade de arrancada, onde levantou 83 quilos, non lle acompañou a sorte na de dous tempos fallando os tres intentos dispoñibles co seu peso inicial de 105 quilos.

Irene Martínez, na súa primeira competición da súa nova etapa de vida despois de abandonar os centros de alto rendemento finalizou cun meritorio oitavo posto. As súas marcas foron 84 – 95 – 179 quilos.
O podio foi: Marta García (Castela-León), Sira Armengou (Cataluña) e Garoa Martínez (Euskadi).

Na última tanda, entre os masculinos séniors o herculino Martín Liste finalizou quinto. O seu Total Olímpico de 315 quilos compúxose de 145 quilos en Arrancada e 170 en dous tempos.
O podio foi Javier González da Federación Madrileña, Acorán Hernández do conxunto local e o navarro Alejandro Serrano.

Publicacións similares