🏋️‍♀️ Campionato de Europa sub-23: Boa actuación de Irene Blanco

O domingo 2 de outubro continuaron as competicións do Campionato de Europa sub-23 que comezou o pasado martes na cidade de Durres, Albania, coa participación de dúas deportistas do Club Halterofilia Coruña.

Despois dos 5.º e 6.º postos na categoría de 48 quilos de Ruth Fuentefría, hoxe foi a quenda de Irene Blanco na categoría de 77 quilos.

Valorando as posibilidades de Irene antes da competición non puidemos ser moi optimistas debido a que unha infección do COVID hai cinco semanas a obrigou a gardar cama durante 8 días, coincidindo co período planificado para os adestramentos máis duros da preparación.

Así que o obxectivo foi realizar unha competición boa dentro das súas posibilidades e así o fixo a herculina.

Na modalidade de arrancada realizou dous intentos válidos con 85 e 89 quilos, fallando por pouco 93, o que supuxo o sétimo posto desta modalidade.

Na de dous tempos os seus pasos foron 105 e 110, fallando o último con 115.

Finalizou no meritorio 7.º posto tanto nesta modalidade como no total olímpico.

O podio foi para a italiana Genna Toko, seguida pola ucraína Iryna Dobrovska e a inglesa Isabella Brown.

Balance bo para o Club Halterofilia Coruña, coas súas dúas deportistas no top 7 europeo en todas as modalidades.

Publicacións similares