COPA DE ESPAÑA ABSOLUTA MIXTA POR FEDERACIÓNS
A Real Federación Española de Halterofilia este ano puxo en marcha un novo campionato: a Copa de España Absoluta Mixta por Federacións.
Segundo o regulamento da competición, no evento participan seleccións das comunidades autónomas de España, compostas por 4 deportistas, dúas femininas e dous masculinos. O resultado dos equipos cálcúlase coa suma da puntuación Sinclair normalizada, conseguida polos compoñentes dos mesmos.
A organización da primeira edición deste novo campionato concedéuselle á Federación Galega de Halterofilia. O lugar elixido pola federación, co obxectivo de promocionar a halterofilia na cidade olívica, foi Vigo, en concreto o Complexo Deportivo das Travesas onde o sábado 25 de febreiro disputouse a competición.
Participaron un total de 11 comunidades, que ademais da anfitrioa Galicia foron as seguintes:
Andalucía, Asturias, Canarias, Castela A Mancha, Castela e León, Cataluña, Comunidade Valenciana, Extremadura, Navarra e País Vasco.
A nosa selección estivo formada polos seguintes deportistas:
- Irene Blanco
- Irene Martínez
- Martín Liste
- Víctor Castro
A xornada disputouse en catro competicións, dúas femininas e dúas masculinas e finalizada a última tanda deuse a clasificación final por puntos Sinclair co resultado de SUBCAMPEONATO PARA A SELECCIÓN GALEGA CON 1.448 pts.
O equipo gañador foi Andalucía con 1.474 pts e subiu ao terceiro chanzo do podio Canarias sumando 1.409 pts.